Millennium, a triloxía novelística de Stieg Larsson composta por Os homes que odiaban as mulleres, A rapaza que xogaba con lume e A raíña nun castelo de aire que estoupou; Os cimentos da Terra, de Ken Follett; O código da Vinci, de Dan Brown; O Señor dos aneis, de J.R.R. Tolkien; O nome da rosa, de Umberto Eco, e O perfume, de Patrick Süskind, son seis exemplos de milagre editorial que sobrepasaron a súa función literaria e se converteron en parte do saúdo cotián xunto con temas como o tempo, os prezos ou o fútbol. No seu momento de boom, foi, e segue ser, cando ocorre, moi habitual encontrar pola rúa xente que fala con paixón desta ou daquela pasaxe da novela e encontrar tamén lectores e lectoras co seu volume na praia ou no café. Unha cousa tan minoritaria coma os costumes e conversas literarias transfórmase durante unha tempada en algo popular e cotián grazas ao, ás veces, inexplicable tirón dalgunhas novelas. Os salóns familiares son visitados, de cando en vez, por unha novela, xeralmente de lombo groso ou moi groso, que ven ocupar un espazo no andel destinado aos libros.

Na Galicia dos anos setenta do século vinte ocorreu algo parecido da man de Edicións Castrelos e a súa extraordinaria colección de 64 títulos O Moucho. En realidade, a colección naceu en Vigo no ano 1967 (o mesmo ano que Gabriel García Márquez publicou Cen anos de soidade e o mesmo tamén que morreu asasinado Ernesto Che Guevara) e foi resultado do empeño persoal de Xosé María Álvarez Blázquez (Tui 1915 - Vigo 1985), co apoio dos seus irmáns e de Darío Xohán Cabana, por achegar a lingua galega aos fogares. Foi tanta a enerxía consumida que se venderon libros de O Moucho, a 30 pesetas exemplar, percorrendo nunha furgoneta feiras, tabernas e ferraxerías. As tiraxes habituais rondaban os 5.000 exemplares e algúns títulos tiveron varias reimpresións; foi o caso do Catecismo do labrego, de Lamas Carvajal, que superou o número de 500.000 persoas lectoras, segundo comentarios de Darío Xohán Cabana, que era quen conducía a furgoneta. No ano 2008 o diario El País e a Editorial Galaxia celebraron a homenaxe do día das Letras Galegas a Xosé María cunha reedición de 22 libriños en formato facsímil.


A colección O Moucho estaba formada por libros de pequeno formato (110x155 mm) encadernados en rústica e con tapas de cartón serigrafiadas en varias tintas; o tratamento era o mesmo da serigrafía de arte e cunhas cores que conservan até hoxe a súa elegancia orixinal. Cada exemplar levaba unha tapa personalizada, en ocre, azul, laranxa, rosa, vermello, marrón, etc... e, baixo o título, nun tipo Univers Ultra Condensed, aparecía unha ilustración costumista en clave de humor realizada por Bofill ou Quesada. Eran cómodos, cabían no peto, non pesaban e, sobre todo, tiñan un fenomenal desenvolvemento como identidade de marca. Tan sinxelos, tan pequenos, tan próximos, tan pouco estridentes, con tan pouca intención de seren un producto de deseño, que resultaron un auténtico éxito, non só para a editorial senón tamén dende o punto de vista do branding dun producto galego dos anos sesenta e setenta. Dese modo, un proxecto que xurdíu como vehículo de achegamento da lingua galega ao maior número posible de persoas, habitualmente non lectoras, entendo hoxe, ademais, que constituíu un acerto polo enfoque do seu deseño.


A miña especial relación con esta colección de libriños ven de finais dos anos setenta e comezos dos oitenta, cando, con trece, catorce ou quince anos, ía dende a miña casa en García Barbón até a librería-editorial do meu tío Xosé María, situada ao principio da rúa General Aranda. Na entrada da librería, detrás dunha grande mesa de madeira que facía funcións de mostrador e expositor, atendía a miña tía Fina, coa que eu pasaba a maior parte do tempo axudándoa a ordenar os andeis ou acompañándoa nos repartos e recados. Ao final dun amplo corredor atestado de andeis con libros, escoitábase o teclear dunha máquina. Entón, cruzaba até aquela especie de inmenso despacho aberto, que no meu recordo está sempre xenerosamente iluminado pola luz que entraba polas ventás, e saudaba o meu tío, que, de costas á entrada, xiraba para verme e eu contáballe as miñas novidades durante un intre. Algunhas veces estaba tamén a figura dun home con barba e que fumaba en pipa: Darío Xohán Cabana. Todo o que vía naquelas mesas e naqueles estantes formaba un apaixonante mundo ao que se entraba a través dun cheiro peculiar a madeira, a libros antigos, a papel; a través de paredes cheas de libros grandes e pequenos, novos o vellos, de paquetes atados con cordel, de follas de papel carbón e daquelas caixas de tipos que sempre estaban amontoadas nun recanto dun cuartiño contiguo. Coller e examinar aquelas diminutas letras, pasar os dedos polos seus relevos, foi o comezo dunha historia de amor que aínda dura.

No medio de todo aquilo chamábanme especialmente a atención uns libros pequenos, delgados e de cores diferentes. Podían verse amontoados uns por riba doutros, ordenados no pequeno escaparate ou en calquera lugar onde eu miraba. O marabilloso era que, cando chegaba a miña casa, alí tamén estaban; ía a casa da miña tía Fina e tamén, a casa de Xosé María e tamén, mesmo na casa dos meus amigos aparecía algún daqueles libriños. O de cor laranxa, o negro, o azul, o rosa, daba igual, se non estaba un deles, estaba outro, ou estaban varios. Foron unha presencia coa que convivín durante moitos anos. Sei que acompañaron tamén a moitos miles de galegos máis e aparecen aínda, nos andeis, ao lado doutros de Vázquez Figueroa, de Harry Potter, de Rosalía, ao lado dun Atlas ou das receitas de Simone Ortega. Anos despois, en charlas de media tarde con quintos de cervexa, galletiñas salgadas e pitillos secretos de BN, Xosé María deulle profundidade as miñas vicencias cos seus recordos e relatos daquela época.

Foron títulos como Cousas de Castelao, O maroutallo de Ramón Otero Pedrayo, Barriga verde de Manuel María, A taberna do galo de Celso Emilio Ferreiro, Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín, O tío Miseria e outros contos de Enrique Labarta Pose, Contos do pobo de Rosalía de Castro; coleccións de chistes de Quesada, traduccións de Quevedo e Yeats ou tantos outros coa autoría de Xosé María Álvarez Blázquez, como A pega rabilonga e outras historias de tesouros e as antoloxías de refráns e contos populares: Refraneiro do viño, Contos do pobo, Cantares de cego, O libro do marisco, Os nomes da terra. Todos forman parte da nosa historia editorial, política e social e, pola intención que teñen estas liñas, tamén gráfica.
